Atrás

CGAI (A Coruña) -

Proxección de 'El espíritu de la colmena' no CGAI

El espíritu de la colmena - Proyecciones

Os alumnos de 3º da ESO do IES O Mosteirón de Sada visitaron o venres o CGAI para descubrir en pantalla grande El espíritu de la colmena, de Víctor Erice. Como xa acontecera con Pierrot le fou de Jean-Luc Godard, as reaccións máis espontáneas ao filme foron de estrañeza. “Non ten unha historia concreta e deixa moitas cousas abertas”, dicía un dos alumnos, que se fixara no aspecto lírico do filme, incidindo en que a montaxe xogaba co paso do tempo dun xeito que non nos permitía saber en cantos días tiña lugar a narración.

O contexto histórico no que se sitúa si estaba apuntado “na simboloxía da Falanxe” ou “nos marcos de Franco pendurados das paredes da escola”, comentaban outro grupo de rapazas. A presenza do maqui, cunha morte non representada de forma evidente, recordaban algúns mozos, pareceulles a este grupo de suma importancia na fita, crendo ver metáforas que non se acaban de precisar.

No que todos coincidiron é que a ollada xoga un papel central en El espíritu de la colmena, e que a obra, na que “case non se fala”, está construída en boa parte en torno á mesma.

“Ana cre verdadeiramente no monstro, comprendémolo no primeiro plano que lle sacan na escena do cine”, indicaban. Aproveitamos a ler un testemúñoo de Víctor Erice no que explica que ese plano de Ana no cine, filmado no marco dunha proxección real, é o plano máis esencial, máis importante como director.  “Todos os actores no filme son moi naturais, como se non estivesen actuando”.

Outro aspecto importante do filme que chamou a atención foi a luz. “Na casa é amarela e sae de forma intensa das ventás, que teñen forma como de paneis das colmeas”. Lemos outro texto de Teo Escamilla e de Luís Cuadrado no que contaba como traballaba Erice cada plano, ás referencias a Veermer e Rembrandt  e como o pai do director de fotografía creou as ventás como vidreiras para conseguir eses efectos lumínicos e que o fogar dos protagonistas semellase un panal.

A conversa, con tantos temas sobre mesa, soubo a pouco, e despedímonos co ánimo de seguir explorando sobre o filme, sobre os rostros e as miradas, a montaxe, o tempo do filme, a luz... Seguiremos dende o blog todas estas reflexións e traballos, falouse da posibilidade de facer un diario da luz no Mosteirón para ver como a luz, ao igual que na película, transforma os espazos, será bonito seguílo dende aquí!

Películas

Víctor Erice
El espíritu de la colmena 1973

Secuencias

Blog: CGAI (A Coruña) - (12)