CinEd: unha colección de cinema europeo para nenos e novos

Na infancia e a mocidade o encontro cunha película pode resultar unha experiencia reveladora: capaz de espertar o amor polo cinema, de abrir novos horizontes culturais, de transformar a sensibilidade, de xerar preguntas e interrogacións.

Ademais, o cinema é unha arte privilexiada para descubrir o mundo; viaxar por lugares, culturas e épocas diversas; reflexionar sobre a Historia e as historias; coñecer outras linguas; compartir as emocións e emocionarse.

A colección CinEd reúne unha selección de películas singulares, de gran potencia expresiva, que apelan e interpelan a cada un de forma única e persoal. Foi concibida como unha oportunidade para que os nenos e mozos descubran o cinema europeo, o coñezan e gocen, e como un recurso pedagóxico privilexiado para traballar áreas curriculares diversas.

Os materiais pedagóxicos responden tamén a este dobre obxectivo: dar as ferramentas para un descubrimento activo, reflexivo e creativo do cinema, e propoñer pistas para o traballo transversal desde diferentes áreas. O Blogue CinEd é o espazo para compartir os traballos, textos e creacións elaborados a partir das películas.


As películas, dispoñibles en versión orixinal e con subtítulos en castelán, son:

  • El espíritu de la colmena, de Víctor Erice (España, 1973, 93’)
  • En construcción, de José Luis Guerin (España, 2001, 125’)
  • El verdugo, de Luis García Berlanga (España, 1963, 91')
  • Rentrée des classes / La vuelta a clase, de Jacques Rozier (Francia, 1956, 22’)
  • Il posto / El empleo, de Ermanno Olmi (Italia, 1961, 93’)
  • Pierrot le fou / Pierrot el loco, de Jean-Luc Godard (Francia, 1965, 112’)
  • O sangue / La sangre, de Pedro Costa (Portugal, 1989, 95’)
  • Uma pedra no bolso / Una piedra en el bolsillo, de Joaquim Pinto (Portugal, 1987, 91’)
  • Aniki Bóbó, de Manoel de Oliveira (Portugal, 1942, 68')
  • Petite Lumière / Pequeña luz, de Alain Gomis (Francia, 2003, 15’)
  • The man without a past / Un hombre sin pasado, de Aki Kaurismäki (Finlandia, 2002, 97')
  • Cum mi-am petrecut sfârşitul lumii / Cómo celebré el fin del mundo, de Cătălin Mitulescu (Rumanía, 2006, 106’)


A colección CinEd está destinada exclusivamente a proxeccións educativas e sen finalidade comercial. A participación é gratuíta. O funcionamento e acceso á colección detállase no apartado “Como participar”.

CinEd é un proxecto impulsado e coordinado en España por A Bao A Qu e liderado polo Institut français (París) en cooperación coa La Cinémathèque française. Desenvolven CinEd nos outros países participantes: ACFK (República Checa), Arte Urbana Collectif (Bulgaria), GET – Cooperativa sociale (Italia), IhmeFilmi (Finlandia), Macondo (Rumanía), Meno Avilys (Lituania), NexT (Rumanía) e Os Filhos de Lumière (Portugal).

CinEd está cofinanciado polo programa MEDIA de Europa Creativa da Unión Europea e en España conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, do ICAA e do Instituto Cervantes.