Os obradoiros

Os obradoiros desenvólvense con alumnado de entre 3º de primaria e 2º de Bacharelato, e son impartidos conxuntamente por un/a cineasta e un equipo de docentes, dentro do horario lectivo e en vinculación con materias diversas (lingua e literatura, sociais, visual e plástica, música…).

Traballamos a ficción e o documental, partindo dunha metodoloxía fundamentada no vínculo entre ver cine e facer cine.

A maior parte dos obradoiros desenvólvense ao longo de todo o curso. Tamén se levan a cabo obradoiros de duración trimestral ou semestral. En todos os casos, o/a cineasta realiza unha sesión semanal de entre tres horas e toda a xornada.

Despois de diversas prácticas con móbiles, cámaras domésticas e equipos profesionais, os alumnos realizan as súas curtametraxes cun equipo de rodaxe profesional.

Os alumnos son autores de todos os procesos –desde o guión ata a montaxe–, que se desenvolven sempre de forma colectiva. O guión elabórase entre todo o grupo; durante a rodaxe os cargos distribúense rotativamente, de maneira que todos os alumnos desenvolven cada unha das tarefas (director, cámara, axudante, sonidista, script...); a montaxe faise alternando o traballo en pequenos grupos e en grupo clase.